Unha tese aborda a importancia da sostibilidade social na industria alimentaria

Supermercado

DUVI | O concepto de desenvolvemento sostible está amplamente implantado na economía occidental e aséntase, segundo o informe Brundtland (1987), en tres piares da sostibilidade: económica, medioambiental e social. Porén, esta última pata é a menos explorada das tres e na que se centra a tese de doutoramento de Mariana Toussaint titulada Sostenibilidad social en la cadena de valor alimentaria e dirixida polo profesor Pablo Cabanelas. A investigadora traballa dende 2016 como experta de pesca na Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), con sede en Roma. A súa carreira profesional céntrase nas áreas de comercio internacional e sostibilidade social na cadea de valor do peixe e forma parte do equipo de Globefish da FAO, un proxecto fundado por múltiples donantes que promove e facilita información actualizada sobre o comercio, as tendencias e os mercados de pescado e produtos pesqueiros entre os gobernos, a industria, o mundo académico e outros actores de todo o mundo.