Unha tese aborda os efectos psicosociais do uso de videoxogos en adolescentes galegos

DUVI | A día de hoxe, explica o psicólogo Gabriel Iglesias, os videoxogos ocupan un lugar moi importante no tempo de ocio da sociedade española. A tendencia dos últimos anos, subliña, é clara ao respecto: nun lapso temporal de tan só cinco anos (dende o ano 2015 ao 2020) o número de xogadoras e xogadores habituais aumentou en 900.000 persoas. Por outra banda, engade, o período do confinamento pola covid-19 e as subseguintes restricións de contacto social e mobilidade, fixeron que aumentara o tempo medio de uso de pantallas por persoa. Tendo en conta estes dous elementos, na súa tese de doutoramento Gabriel Iglesias indagou “no impacto psicosocial que o uso de videoxogos pode ter nunha poboación tan vulnerable como é a adolescente”.