Unha tese achega novos datos sobre a reanimación cardiopulmonar a bebés

DUVI A parada cardíaca “extrahospitalaria”, aquela que se produce fóra dunha contorna sanitaria, “é unha das principais causas de morte nos países industrializados”, o que fai desta un “importante problema sanitario” que non se limita á poboación adulta, senón que afecta tamén a “vítimas pediátricas”, dentro das que as e os lactantes “supoñen case a metade dos casos”, como explica a profesora da Escola Universitaria de Enfermaría Myriam Santos. Pese a isto, as investigacións sobre parada cardíaca e a realización da manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) centráranse ata o de agora na poboación adulta, o que provoca que “diversas recomendacións de actuación a vítimas pediátricas son extrapoladas de investigacións con vítimas adultas”, sinala.