Unha tese afonda nos efectos dos funxicidas de nova xeración sobre a composición fenólica e cor dos viños tintos

Noelia Briz

DUVI | “Proporcionar un maior coñecemento sobre como os funxicidas utilizados no cultivo da vide inflúen na calidade organoléptica (composición fenólica e cor) dos viños e no metabolismo dos fermentos encargados de levar a cabo a fermentación alcohólica”. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento da investigadora Noelia Briz. Os seus resultados apuntan a que os cambios provocados dependen en gran medida da variedade de uva e tipo de fermento empregados.

A tese, presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, estivo dirixida por Raquel Rial e Jesús Simal e levou por título Efectos dos funxicidas de nova xeración sobre o proteoma de lévedos fermentativos e o metaboloma fenólico con influencia na cor de viños tintos. “Na actualidade existe unha maior concienciación sobre as repercusións do uso de produtos fitosanitarios para o control das diferentes pragas e enfermidades dos cultivos. Na Unión Europea están a desenvolverse políticas encamiñadas a reducir o uso dos mesmos co fin de, por unha banda, evitar problemas ambientais e, por outro, minimizar a cantidade de residuos destas sustancias que chega á cadea alimentaria”, comenta Noelia Briz. A lexislación vixente, destaca, “é moi esixente no que ao establecemento de límites máximos de residuos en alimentos se refire, polo que a calidade hixiénico-sanitaria dos alimentos está asegurada. Con todo, a fin de poder competir nun mercado cada vez máis esixente, é necesario tamén garantir a calidade organoléptica dos mesmos”.