DUVI | Multitude de procesos neuronais controlan a transmisión dos estímulos que chegan ao organismo dos seres humanos e en todos estes procesos están involucradas unhas proteínas de membrana denominadas canles iónicas. No Laboratorio de Neurociencia do Cinbio, o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, levan anos estudando a resposta destas canles a estímulos de todo tipo, desde a temperatura ata cambios no pH ou distensión dos tecidos. Neste contexto, a investigadora Lola Rueda Ruzafa é a autora dunha tese de doutoramento na que afondou polo miúdo na sensibilidade das canles de potasio TREK, de grande interese pola súa versatilidade e a súa participación na transmisión de estímulos sensoriais ao sistema nervioso central, centro de procesamento de toda a información que o corpo recibe do medio externo e interno.