DUVI | As tetraciclinas son os antibióticos máis usados en medicina veterinaria en España. A través das excretas dos animais e do esterco, estes antibióticos chegan tamén aos ecosistemas terrestres. Na súa tese de doutoramento, a investigadora da UVigo Vanesa Santás Miguel analizou o impacto das tetraciclinas sobre as comunidades microbianas de solos agrícolas e probou con éxito o uso de cortiza de pino e cinza de biomasa para reducir a súa toxicidade.
A tese, titulada Impact of tetracyclines on microbial communities in agricultural soils, estivo dirixida por Manuel Arias Estévez e David Fernández Calviño e foi presentada este curso na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Foi realizada, explica a súa autora, no marco do proxecto estatal Problemas ambientais derivados da presencia de antibióticos de uso veterinario no solo, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad.