DUVI | A dor lumbar crónica de orixe non específica, “un problema de saúde a nivel mundial, que xera altos custos directos e indirectos”, asóciase frecuentemente, como sinala o investigador Carlos Crasto, a “cambios no control motor, que a súa vez poden ter repercusións no sistema de estabilidade” da rexión lumbar. Na súa tese de doutoramento, que defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, analizou a efectividade dunha proba “moi común” no ámbito clínico, pero que aínda precisa de “maior evidencia científica”. Trátase da ASLR (Active Straight Leg Raise), un exercicio no que o paciente debe levantar, deitado, unha perna preto de 20 centímetros e que a raíz dos resultados dos estudos realizados, explica, “parece ser capaz de detectar alteracións no control motor” en persoas con e sen manifestacións de dor lumbar.