DUVI | O inicio dos estudos superiores constitúe unha etapa de cambios que, en ocasións, pode traducirse nunha diminución dos niveis de práctica de actividade física, mesmo nunha titulación vinculada co deporte. Co obxectivo de analizar as relacións entre a competencia motora, o dominio dunha serie de habilitades vinculadas ao propio desenvolvemento humano, e a capacidade funcional, o investigador Bruno Silva levou a cabo para a súa tese de doutoramento un estudo con preto dun centenar de estudantes da Escola de Desporto e Lazer de Melgaço, pertencente ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC). Esta investigación permitiulle detectar, entre outras cuestións, unha “traxectoria diferente” nas variacións da composición corporal que presentaban as e os estudantes tralo seu primeiro ano na licenciatura en Desporto e Lazer. No caso dos estudantes, rexistrábase unha diminución nos niveis de actividade física, mentres que as alumnas mantíñanos “aproximadamente iguais”, o que derivou en que, transcorrido ese primeiro ano, reduciran a súa porcentaxe de masa graxa e presentasen melloras na súa competencia motora.
Unha tese analiza a evolución física do alumnado dunha titulación centrada no deporte
