Unha tese analiza a influencia do azulexado andalusí na arte contemporánea

Amine Asselman

DUVI | Convertido nun dos sinais de identidade de monumentos como a Alhambra de Granada ou os riads de Marrocos, o zellige, os mosaicos xeométricos de azulexo característicos da arquitectura andalusí seguen a ser, a día de hoxe, influencia e fonte de inspiración para artistas, arquitectos e deseñadores. A pegada que esta técnica deixou en artistas como Soledad Sevilla, Frank Stella ou Sean Scully e en arquitectos como Antoni Gaudí foi analizada por Asselman nunha tese que afonda nas orixes e evolución desta técnica, así como na súa influencia na arte e arquitectura contemporánea. Deste xeito, a investigación achega un novidoso enfoque á análise do zellige, que previamente só fora estudado, explica, “a nivel técnico e patrimonial”.