Unha tese analiza como abordar no ensino os efectos nos océanos do cambio ambiental global

Alfabetización oceánica

DUVI | A pesares de xogar “un papel crucial no funcionamento do sistema terra”, os océanos “están ausentes dos currículos educativos”, salienta a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Lorenzo. No marco da súa tese de doutoramento, realizou unha “análise crítica” do currículo de educación primaria en Galicia, no que non están presentes nin os océanos “nin as ameazas que os asexan”, como a acidificación oceánica, un dos efectos do cambio ambiental global. “O sistema educativo non pode obviar esta situación e a formación inicial do profesorado debe desenvolver competencias para abordalo”, sostén Lorenzo Rial. No marco da súa tese, deseñou e levou a cabo nas aulas da facultade unha serie de actividades que establecían “sinerxías entre a educación científica, a educación para a sustentabilidade con perspectiva de xénero e as ciencias do mar”, ámbitos que, polo xeral, explica, adoitan abordarse de forma separada nas aulas. O proxecto completouse así mesmo co desenvolvemento dunha serie de recursos educativos abertos, reunidos na web O mar das mulleres.