DUVI | No seu artigo 18.4 a Constitución española recolle o dereito fundamental á protección de datos, establecendo que “a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos”. Na súa tese de doutoramento, a xurista Marta Comesaña realizou unha exhaustiva análise deste dereito á protección de datos no ámbito laboral, tanto da súa evolución histórica como da súa situación actual ante retos como o dereito á desconexión dixital.
A tese foi presentada este curso académico baixo a dirección da profesora Ana Garriga na Facultade de Dereito do campus de Ourense, onde Marta Comesaña se titulou en Dereito. “Elixín o ámbito laboral porque paréceme que é un ámbito onde se desenvolve parte da nosa vida diaria e é importante que todos os traballadores coñezan os seus dereitos”, explica a xa doutora pola Universidade de Vigo. A súa tese, indica, centrouse no estudo da lexislación aplicable, da xurisprudencia e da bibliografía máis destacada na materia. O dereito fundamental á protección de datos, sinala a xurista, é un dereito autónomo “se ben, en ocasións, ten o carácter de dereito instrumental en relación con outros dereitos, entre eles o dereito á intimidade e o dereito ao segredo das comunicacións”. Este dereito, engade, tamén denominado dereito á “autodeterminación informativa”, consiste “no poder que cada persoa ten de coñecer quen ten os seus datos, para que, con que propósito, e de ser o caso, a quen llos cedeu”.