Unha tese analiza o uso dos obxectos na arte desde unha perspectiva de xénero

DUVI | O uso de obxectos procedentes da vida cotiá como elementos para a creación de pezas escultóricas ou de instalacións constitúe unha constante na arte contemporánea desde o período das vangardas. Mais, nos procesos creativos os obxectos son empregados dun xeito diferente por parte de mulleres e de homes? Esta pregunta constitúe o punto de partida da tese que Mar Ramón desenvolveu no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo. Dirixida a analizar como se ven reflectidos, explica, “os estereotipos vinculados ao masculino e ao feminino nos procederes das e os artistas que empregan o obxecto como material de traballo”, a análise realizada por Ramón Soriano levou a pór de relevo como as “concepcións sociais” ligadas aos xéneros fanse patentes en maior medida no xeito no que as obras son analizadas por público e crítica, en lugar de nos propios procesos de traballo.