Unha tese avanza cara un mellor aproveitamento da biomasa mediante o uso de procesos máis simples e escalables

DUVI Nun contexto crecente de aposta pola economía circular e a sostibilidade, cada vez son máis os residuos da industria agroalimentaria que se intentan aproveitar para a obtención de compostos de valor engadido. Para que este aproveitamento sexa cada vez máis eficiente, o pretratamento desta biomasa tense convertido en crucial. Co obxectivo de contribuír á súa mellora mediante o uso de procesos máis simples e escalables, na súa tese de doutoramento, a investigadora do grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo María Guadalupe Morán abordou con éxito a produción de enzimas hidrolíticas (a partir de Aspergillus niger en fermentación en estado sólido) e a súa aplicación en residuos lignocelulósicos pretratados con disolventes eutécticos profundos para obter azucres fermentables.