DUVI | A falta de actividade física asóciase á aparición de diferentes enfermidades crónicas e constitúe un problema de saúde que se agrava naqueles sectores da poboación nos que a inactividade pode ser maior, como as e os residentes en centros da terceira idade. De aí a importancia de promover a práctica de actividade física neste colectivo, incluíndo nesta, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), o exercicio de forza, xa que diferentes estudos teñen constatado os seus beneficios, tanto físicos como cognitivos, nesta poboación. “Debido ao seu baixo custo e a súa adaptabilidade ao espazo dos centros xeriátricos”, as bandas elásticas constitúen unha interesante ferramenta para levar a cabo este tipo de actividade con anciáns, como explica o investigador Adriano Sánchez, que centrou a súa tese de doutoramento en “analizar os efectos diferenciais” da inclusión en residencias de dous programas de exercicio de forza con estas bandas, un centrado nos músculos do tren superior e outro nos do tren inferior.
