DUVI | A parada cardiorrespiratoria é unha patoloxía cunha elevada incidencia en todo o mundo, ante a que iniciar de forma precoz as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) “pode duplicar e mesmo triplicar as taxas de supervivencia”, segundo destaca a médica María Pichel, que demostrou na súa tese de doutoramento a efectividade de desenvolver nas escolas un programa formativo en soporte vital básico. Esta investigación partía do feito de que, en máis do 70% dos casos, as “paradas cardíacas extrahospitalarias” son presenciadas por familiares e amigos da vítima ou por outras testemuñas, que só “nunha moi baixa porcentaxe de casos” inician as manobras de RCP, o que fai que os índices derivados desta patoloxía “sigan sendo moi elevados”. Isto débese en boa medida a que, en países como España, a formación en RCP “aínda non se estandarizou”, recoñece Pichel, que afondou na súa tese, defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, nos diferentes factores que poden contribuír a mellorar a formación da poboación en reanimación.