DUVI |Os programas de adestramento neuromuscular orientados á mellora do equilibrio e do control postural teñen amosado os seus beneficios en múltiples ámbitos, desde o rendemento deportivo ata a prevención de caídas en persoas maiores. Non obstante, “os beneficios desta práctica na poboación máis nova non parecen ser esclarecedores”, recoñece a investigadora Carla Gonçalves, quen, partindo deste feito, centrou a súa tese de doutoramento en analizar os efectos de dun programa de adestramento do equilibrio estático e dinámico en estudantes universitarios. A investigación que levou a cabo cun grupo de alumnas e alumnos da Escola Superior de Desporto e Lazer do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) permitiulle constatar como un programa de exercicios de nove semanas implicaba “melloras significativas” nas diferentes medidas de avaliación tanto do equilibrio estático, a capacidade de manterse erguido e estable sen realizar desprazamentos, como do dinámico.