DUVI | No Laboratorio de Neurociencia do Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, dirixido polo doutor José Antonio Lamas, levan anos estudando polo miúdo, e desde múltiples perspectivas, o funcionamento das neuronas e, en xeral, do sistema nervioso autónomo. Os seus achados teñen dado lugar a múltiples publicacións científicas nas que se dá conta de novos avances con claras aplicacións médicas no tratamento de doenzas como o alzhéimer, o autismo, o párkinson, o cancro ou a epilepsia. Os últimos avances conseguidos neste laboratorio chegan da man de Salvador Herrera, autor dunha tese de doutoramento na que se demostra a presenza das canles de potasio TREK, mecanismos básicos da actividade neuronal, en neuronas parasimpáticas cardíacas de ratos, contribuíndo así a un mellor coñecemento da fisioloxía cardíaca e amosando indicios de novas dianas terapéuticas para patoloxías cardíacas.
Unha tese de doutoramento achega indicios de novas dianas terapéuticas para patoloxías cardíacas
