Unha tese de doutoramento identifica un biomarcardor que facilita e axiliza o diagnóstico do derrame pleural maligno

DUVI | O derrame pleural é unha patoloxía frecuente cunha incidencia anual estimada en España de 150.000 pacientes ao ano. Pode estar producido por máis de 60 enfermidades pleurais, pulmonares ou extrapulmonares distintas, polo que establecer un diagnóstico de xeito rápido, pouco invasivo e que permita tomar decisións clínicas de maneira urxente resulta un gran desafío clínico. Consciente desta realidade, o investigador do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo Pedro Casado centrou a súa tese de doutoramento no estudo dunha proteína, a calprotectina, como ferramenta diagnóstica desta doenza. Os resultados non deixan lugar a dúbidas e conclúen de xeito claro que esta proteína é un parámetro bioquímico válido e útil na práctica clínica como biomarcador diagnóstico do derrame pleural e podería incluírse facilmente na maioría dos laboratorios clínicos coa tecnoloxía actualmente dispoñible e con tempos de resposta adecuados ás necesidades médicas.