DUVI | Se a relación entre o entroido e o poder establecido –xa fose gobernamental ou eclesiástico- nunca foi doada, a complicación deste binomio multiplícase por mil cando falamos de réximes ditatoriais. Consciente desta realidade, a filóloga Gabriela Rivera decidiu centrar nesta temática a súa tese de doutoramento, un estudo detallado sobre os diferentes mecanismos empregados para eludir a censura no teatro de entroido uruguaio, centrándose sobre todo no papel das ‘murgas’ ou charangas e analizando unha época de gran convulsión política, a última etapa da ditadura (de 1981 a 1985).
A tese, dirixida pola profesora Carmen Luna, ademais de ofrecer un estudo detallado da avaliación deste xénero teatral popular durante dito período autoritario, realiza unha análise literaria deste tipo de espectáculos para buscar neles as diferentes estratexias literario escénicas empregadas polas ‘murgas’ para evadir a censura gobernamental e criticar así, non só a actuación do réxime militar, senón tamén a postura da sociedade ante este panorama político.