DUVI | No marco do fomento dunha economía circular e sostible, entre as liñas de investigación que se están potenciando está o desenvolvemento de novas tecnoloxías para biorrefinerías que permitan un aproveitamento integral de materias primas e a valorización de residuos. Na súa tese de doutoramento, a investigadora da Universidade de Vigo Lucía Penín desenvolve novas tecnoloxías para obter de madeiras de pino e eucalipto compostos químicos de interese para a industria, como é o hidroximetilfurfural.
Dirixida por Juan Carlos Parajó e Valentín Santos, a tese levou por título Contribución ao desenvolvemento de novas tecnoloxías para biorrefinerías e foi presentada na Facultade de Ciencias. O traballo que se recolle nesta tese, comenta a súa autora, egresada do Grao de Ciencia e Tecnoloxía Alimentaria, enmárcase dentro dunha das liñas de investigación que o grupo EQ-2, pertencente ao Departamento de Enxeñaría Química da UVigo, leva a cabo no campus de Ourense e que está orientada ao desenvolvemento de procesos químicos para o aproveitamento de biomasa vexetal.