DUVI | O transporte de coloides (sustancias con dúas ou máis fases, normalmente unha fluída e outra dispersa en forma de partículas xeralmente moi finas) no solo determina o destino dos contaminantes, nutrientes e microorganismos no ambiente e a contaminación das augas subterráneas. Na súa tese de doutoramento, a química Laura Vázquez probou con bos resultados o uso da tecnoloxía emerxente TRPS para a contabilización e caracterización do transporte de contaminantes coloidais, como os microplásticos e os lodos vermellos residuos da produción de alumina, na auga do solo.
A tese, titulada Caracterización de partículas coloidais na auga do solo mediante detección sintonizable de pulsos resistivos, estivo dirixida desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense por José Eugenio López e Diego Soto e foi realizada no marco do grupo de investigación da UVigo Planta, Solo e Aproveitamento de Subproductos BV1. O seu traballo, indica Laura Vázquez, parte da consideración de que “mellorar a caracterización de contaminantes particulados coloidais na auga do solo pode axudar a explicar de xeito máis preciso o papel do solo como filtro para os contaminantes” e de que “as tecnoloxías emerxentes na caracterización de partículas poden representar un avance importante nesta caracterización”.