DUVI | “Un libro de debate sobre os debates electorais televisados”. Deste xeito presentan o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas e a investigadora Julia Fontenla o libro Debates electorales en televisión y redes sociales en España, que analiza a preparación previa, o desenvolvemento e as repercusións destes eventos a través das achegas de 25 expertos e expertas. Resultado do proxecto de investigación DebaTV, que tiña como obxectivo articular un modelo de referencia para os debates electorais televisados en España, esta publicación buscaba dar resposta á ausencia dun manual “que analizase, en perspectiva comparada, o antes, durante e despois da celebración dun dos acontecementos de máis impacto nas campañas”, como salientan Rúas e Fontenla no seu texto introdutorio.