Unha vintena de estudantes crean UVigo SpaceLab co obxectivo de deseñar, fabricar e operar pequenos satélites e misións espaciais

UVigo SpaceLab

DUVI | Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1. A historia recente da Universidade de Vigo non se pode entender sen o traballo que desde hai máis de 13 anos están a desenvolver docentes, investigadores e alumnado e co lograron converter á institución académica viguesa nunha referencia no deseño, fabricación e operación de cubesats, pequenos satélites de 10 cm de arista e masa inferior a 1,33 kg. Logo do deseño, construción e posta en órbita de catro nanosatélites entre os anos 2008 e finais de 2018, neste 2020, que está a piques de rematar, preto dunha vintena de estudantes das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática toman a remuda coa posta en marcha de UVigo SpaceLab, unha asociación de estudantes e egresados, asesorados por docentes, co obxectivo de “deseñar, fabricar, verificar e operar pequenos satélites e misións espaciais”. Así explica Manuel Diz, un dos estudantes que integran o grupo, a finalidade de UVigo SpaceLab, que comezou a xestarse a principios de ano, cando varios estudantes acordan preparar unha proposta para participar nunha xornada de traballo que a Axencia Espacial Europea (ESA) celebraba en Bélxica. “O equipo presentou á ESA Academy un proxecto de microtelescopio espacial Open Little Luminary Observatory (OLLO), que representaba o primeiro intento concreto de realizar unha misión de observación espacial no reducido formato dun cubesat”, detalla Diz, que lembra que varios dos membros do equipo, como recoñecemento ao seu traballo, foron seleccionados para visitar as instalacións da axencia en Bélxica, xunto a outros estudantes de universidades de toda Europa.