DUVI | Desde mañá e durante os próximos 30 días investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, do Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua (IDAEA-CSIC) e do Instituto de Química Orgánica General (IQOG-CSIC), en colaboración coa Unidad Tecnológica Marina (UTM-CSIC) participarán nunha expedición no océano Atlántico para estudar e cuantificar as entradas atmosféricas de contaminantes emerxentes e materia orgánica procedente da actividade humana nos océanos Atlántico e Austral, así como o seu impacto no mar. A expedición, que viaxa a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, que nas próximas horas partirá do porto de Vigo e arribará a Punta Arenas (Chile) o 15 de xaneiro de 2021, forma parte do proxecto Antom, “que ten o obxectivo de cuantificar a entrada de contaminantes atmosféricos, principalmente contaminantes orgánicos emerxentes, nos océanos Atlántico e Antártico, así como a súa transformación e efecto na columna de auga a través dos procesos bioquímicos”, explica a docente e investigadora do CIM-UVigo Cristina Sobrino, que xunto ao estudante predoutoral Paulo Alcaraz e o técnico do CIM Antonio Fuentes, conforman a representación da UVigo neste proxecto. Por mor da pandemia as e os participantes na campaña a bordo do buque oceanográfico tiveron que pasar un confinamento de 10 días antes de embarcar en Vigo.
UVigo e CSIC estudarán nos océanos Atlántico e Austral o transporte de contaminantes de orixe humana
