UVigo e Deputación de Pontevedra recoñecen a catro alumnas como referentes STEM para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas

DUVI | Ana Ramírez, estudante do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, e Marielena Márquez, do de Enxeñaría de Telecomunicación, son as dúas alumnas gañadoras da segunda edición dos Premios GirlGeekCovid, un recoñecemento co que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra poñen en valor os mellores expedientes femininos nas carreiras de Ciencias e Enxeñaría da UVigo, áreas nas que as mulleres apenas representan o 32% do alumnado. Xunto a elas foron tamén recoñecidas con cadanseu accésit, Uxía López,  do Grao en Química, e Andrea Busto, alumna do Mestrado de Telecomunicación. As catro teñen expedientes académicos brillantes e as catro son un excelente exemplo do bo facer das mozas nas denominadas titulacións STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.