DUVI | Despois de meses de esforzo e planificación, o equipo multidisciplinar UVigo Motorsport, formado por alumnado de varias titulacións que se imparten na Universidade de Vigo, acaba de entrar na fase clave da fabricación do vehículo co que competirá en dous circuítos europeos este verán. Actualmente, o grupo está a producir as pezas do chasis e as superficies aerodinámicas do UM21, o monopraza co que agardan superar as probas dinámicas e estáticas de Formula Student, a competición automobilística na que participan equipos universitarios de todo o mundo.
Entre as novidades do UM21 atópase a reestructuración xeral do cableado, así como a do sistema electrónico do vehículo. Tendo en conta a elevada carga de traballo dos vindeiros meses, o grupo abriu recentemente un proceso de ampliación co fin de incorporar novos membros aos departamentos de chasis e organización e márketing. Deste xeito conseguiron recrutar a tres estudantes, sumando así un total de 44 membros, 30 no campus vigués e 14 no de Ourense.