UVigo Motorsport inicia a fase de fabricación do UM22, o seu primeiro monopraza autónomo

DUVI | Despois da pasada tempada, que rematou con resultados pouco satisfactorios, a escudaría universitaria UVigo Motorsport afronta este 2022 cun equipo moi renovado, novos folgos e un obxectivo moi claro: mellorar. “Mellorar en todos os aspectos posibles para así obter os mellores resultados”. Así o resume Sara Barbeito, team líder do equipo e tamén responsable de organización e márketing, unha dobre responsabilidade que asume no seu segundo ano como membro de UVigo Motorsport.

Estudante de Enxeñaría Aeroespacial, ela é unha das sete mozas que forman parte da escudaría, entre un total de 48 membros, moitos deles de recente incorporación tras un proceso de renovación importante do equipo. E é que a pasada tempada foron moitos os membros do equipo que remataron os seus estudos, polo que son moitas as caras novas que tamén achegan novas ilusións e expectativas a este proxecto. “Estamos moi contentos con este proceso de ampliación e dos novos membros, entre os que hai moitísimo talento”, explica Barbeito, pero tamén recoñece que as mozas continúan a ser unha clara minoría xa que, “por desgraza, no mundo da enxeñaría e do automobilismo o número de mulleres segue a ser escaso”.