DUVI | A Universidade de Vigo é un dos cinco socios do proxecto europeo HERA, Higher Education Re-engineering through Active Learning for Growth, un traballo financiado con preto de 300.000 euros (Erasmus+) que ten como principal obxectivo desenvolver entre o alumnado de educación superior en enxeñaría e economía habilidades de resolución de problemas a través dun enfoque educativo baseado en xogos. A idea é desafiar a estas mozas e mozos, chamados a ser os líderes do futuro, a combinar habilidades de diversas materias para resolver algúns dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual e que van desde o crecemento sostible, a mitigación do cambio climático ou loita contra a pobreza ata cuestións relacionadas con saúde mundial.