A Universidade de Vigo súmase á conmemoración do Día Mundial da Xustiza Social, 20 de febreiro, cun variado programa de actividades divulgativas. A Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración co persoal do Grupo de Estudos de Traballo Social (GETS-IT), do PostGrowth Innovation Lab da UVigo e a Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, vén de presentar unha serie de ferramentas e actividades en torno á xustiza social.
Minidicionario de xustiza social
O Día Mundial da Xustiza Social conmemora o traballo da comunidade internacional para a erradicación da pobreza, a promoción do pleno emprego, o traballo digno, a igualdade de oportunidades e o acceso ao benestar universal. Co obxectivo de favorecer coñecemento e debate sobre algúns dos conceptos relacionados coa xustiza social, deseñouse un minidicionario que comprende termos en torno a: xustiza social, interseccionalidade, pobreza, mercado laboral, movementos migratorios, infancia, saúde, dependencia, discapacidade, igualdade de xénero, violencia machista, violencia intrafamiliar e sociedade. Consulta aquí a edición dixital do minidicionario.
Desde unha perspectiva innovadora a publicación destaca algúns dos termos máis relevantes ou para achegarse á riqueza da diversidade e á loita pola equidade. Cun enfoque multidisciplinar os autores elaboraron este recurso para fomentar o pensamento crítico e a reflexión sobre os estereotipos, e ao mesmo tempo, pór de relevo a importancia de divulgar conceptos precisos para a transformación social.
Xogo ‘Trazos’
Para afondar nos conceptos que aparecen no minidicionario, elaborouse un xogo cunha dinámica simple, pero que permite pór de relevo os estereotipos que forman parte do imaxinario social, así como o descoñecemento dalgúns dos termos en relación coas desigualdades sociais.
O xogo comprende 4 categorías definidas segundo a forma de definir o termo mediante debuxo, a mímica ou cantaruxando. Nas tarxetas poden aparecer conceptos do minidicionario, outros relacionados coa xustiza social ou tamén aqueles incluídos nunha categoría con películas e persona vencellados a termos como o racismo, os dereitos humanos ou o feminismo.
Cuestións de xustiza social
A Universidade de Vigo tamén elaborou pequenos vídeos divulgativos relacionados con algúns dos conceptos incluídos no minidicionario. En cada unha das pezas audiovisuais, o alumnado de secundaria do IES de Chapela establece un diálogo sobre as ideas coas que relacionan cada un dos termos, para rematar coa aportación dos expertos sobre a cuestión.