Para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, o 11 de febreiro, a Universidade de Vigo ten previsto levar a cabo unha morea de actividades de divulgación. Entre elas atópanse obradoiros, feiras científicas, charlas e premios, que teñen o obxectivo de dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo, poñer en valor o talento e o traballo das súas investigadoras, achegar referentes femininos no campo da I+D, e incentivar as vocacións científicas nas novas xeracións.
O amplo programa de actividades está principalmente impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación e escolas da UVigo, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades), e a Unidade de Igualdade da UVigo.

Elas Fan CienTec

Os obradoiros Elas Fan CienTec, chegan á súa novena edición o vindeiro martes 11 de febreiro. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e escolas do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios. O programa, elaborado pordocentes e investigadoras da Universidade, conta co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.

As estudantes do IES Santa Irene visitarán o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, onde poderán escoller entre sete interesantes obradoiros, que inclúen xogos de rol sobre as enfermidades raras, preparación de nanopartículas de ouro ou simulación de encapsulación de fármacos.

A EE Industrial acollerá ás mozas do IES Monte Carrasco de Cangas, para realizar entrevistas ás súas enxeñeiras. A través destas entrevistas, as participantes poderán descubrir que detrás dos grandes avances científicos hai moitas mulleres, cheas de dedicación, paixón e talento, que rompen barreiras e abren camiños para o futuro da ciencia.

As alumnas do IES Ricardo Mella terán como destino a EE de Minas e Enerxía onde, ademais doutras actividades, competirán por construír o muro de terra armada máis resistente. Por último, as alumnas do IES Castelao visitarán a EE de Telecomunicación, para realizar dende unha sesión de detectives de imaxes ata unha clase de robótica con CuteBot.

eXXperimenta en Feminino

O campus de Ourense acollerá un ano máis a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VIII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A cita, aberta a alumnado de toda a provincia e ao público xeral, celebrarase o día 14 de febreiro entre as 9.00 e as 18.00 horas no edificio Politécnico e arredores. Os participantes poderán achegarse a 13 postos diferentes para facer interesantes experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.

IX Concurso escolar de creación artística

A Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, celebraron tamén o xa tradicional Concurso escolar de creación artística polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, dirixido a alumnado de primaria (a partir de 3º) e secundaria. O prazo para presentar os traballos rematou o pasado 25 de xaneiro. A entrega de premios levarase a cabo nun acto especial, a data, aínda por confirmar, será neste mes de febreiro.

Charla interxeracional

A UCC+i, en colaboración coa Unidade de Igualdade, organiza o xoves 20 de febreiro un faladoiro no campus de Ourense, no que catro investigadoras de diferentes xeracións compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate dará comezo ás 11.00 horas no salón de graos da Facultade de Educación e Traballo Social (edificio de facultades, planta 4ª), e será de acceso libre ata completar a capacidade. As investigadoras participantes serán Ana Gil Iglesias, investigadora predoutoral nos efectos da exposición forestal no sistema nervioso autónomo; Andrea Mouriño Schick, investigadora posdoutoral centrada no estudo das narrativas de xénero na Prehistoria e a súa transferencia; Nieves Lorenzo, Catedrática da área de Física da Terra e actual directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; e María Lamerias, catedrática na área de Personalidade, Evaluación e Tratamentos Psicolóxicos no ámbito dos Estudos de Xénero e Sexualidade. Moderará o debate Yolanda Rodríguez, nova directora da Unidade de Igualdade da UVigo. Baixo o título Investigación e saúde mental, o relatorio contará con interpretación en lingua de signos.

Obradoiros 11F no campus de Ourense

A Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Superior de Enxeñaría Informática, abrirán as súas portas a alumnado do IES As Lagoas o mércores 19 de febreiro. Esta actividade tratará de dar visibilidade ao traballo das investigadoras destes centros e revertir a segregación por estereotipos de xénero nos estudios universitarios.

Charlas en centros educativos de toda Galicia

Outra das iniciativas máis relevantes da programación do 11F son unha serie de charlas e relatorios que ao redor de 60 investigadoras da Universidade de Vigo impartirán na súa maioría ao longo do mes de febreiro en centros educativos de toda Galicia. En total, levaranse a cabo máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.

Proxecto Bravxs

Co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres na ciencia, desde a Unidade de Igualdade enviáronse aos 88 centros de secundaria da provincia de Pontevedra unha mostra do proxecto Bravxs que se leva a cabo a través da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo. Esta iniciativa, ilustrada por Marta Riera, recolle figuras destacadas en ámbitos de coñecemento diversos para ofrecer referentes femininas e recoñecer as achegas das mulleres á investigación e á innovación científica. No envío tamén se xuntou un folleto divulgativo cos resultados das primeiras cinco edicións da convocatoria de investigación da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo.

Entrega dos premios “Marie Tharp” do CIM

Tamén co gallo de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) volve celebrar a entrega dos premios da segunda edición do concurso “Marie Tharp”.

Estes premios están dirixidos a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. O acto terá o luns 10 de febreiro ás 13.00 h no novo salón de grados da Facultade de Ciencias.

11F no CINBIO

O CINBIO e a SEBBM organizan conxuntamente o coloquio “Todas somos ciencia” co fin de poñer en valor o papel da muller na ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a rapazada. O evento terá lugar o venres 7 de febreiro de 10 a 12 horas no Museo MARCO (Vigo) e está orientado a estudantes de 5º e 6º de Primaria. Máis información e inscricións na súa web.
Ademais, a investigadora Isabel Pastoriza, líder do grupo FunNanoBio do CINBIO, vai participar na semana da nena e a ciencia, que organiza o IES Chapela, no que ofrecerá a súa charla divulgativa “Nanomateriais á nanoescala”. Esta actividade terá lugar o luns 10 de febreiro ás 10:30 horas e será ofrecida ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do ámbito de ciencias.

Mulleres Investigadoras CINTECX 2025

No evento, celebrado a finais do mes de xaneiro, inaugurouse unha exposición cos carteis das ilustracións do calendario e as mensaxes das protagonistas, que buscan poñer en valor o traballo da muller na investigación. A exposición estará aberta durante todo o mes de febreiro.

Ademais, trala presentación, tivo lugar unha mesa redonda sobre igualdade na investigación, na que participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez; a directora do CINTECX, Ángeles Sanromán e outras investigadoras do CINTECX.