A UVigo aposta pola ciencia en galego co lanzamento da segunda edición da Escolma de termos científicos

DUVI | Sinatura dixital, gobernanza, algoritmo, maruxía ou mar de ardora son algunhas das palabras que conforman a Escolma de termos científicos II, un minidicionario que ten como cometido amosar a capacidade do galego para expresar o coñecemento científico. Estas voces, xunto con outras moitas ata sumar 31 termos, integran a nova edición do glosario de vocabulario científico-técnico impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo co gallo do Mes da Ciencia en Galego.

Desde a UCC+i subliñan que esta segunda escolma, realizada en colaboración coa Área de Normalización Lingüística (ANL), “amplía o traballo iniciado o ano pasado e evidencia a capacidade do galego para nomear conceptos técnicos e adaptarse aos retos dunha sociedade dixital e cambiante”. Deste xeito, aspírase a “conseguir unha publicación estable que cada ano recolla termos de áreas de coñecemento diferentes, todas elas estudadas na Universidade de Vigo”.