Arrancan as actividades de celebración do 11F cunha charla interxeracional sobre a muller na ciencia

DUVI | Dende diferentes eidos do coñecemento, diferentes campus e diferentes etapas profesionais. Catro mulleres investigadoras da Universidade de Vigo compartiron as súas experiencias e as súas visións nunha charla interxeracional coa que a institución arranca a celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia. Foi o venres no edificio Redeiras e nela compartiron protagonismo Nair Varela, como investigadora predoutoral; Sara Albán, como investigadora posdoutoral; Emma Torres, investigadora consolidada, e Inés Celia Iglesias, como investigadora catedrática.

Durante a conversa, organizada pola Unidade de Cultura Científica, cada unha delas relatou como se desenvolveu a súa traxectoria profesional e académica e como, a pesares de pertencer a distintas xeracións, seguen detectando desigualdades de xénero, especialmente en determinadas carreiras e canto máis se sube na escala profesional.