DUVI | Tras meses de plena dedicación e moito traballo e esforzo, problemas co chasis impediron que o monopraza UM21 rodase este verán no circuíto catalán de Montmeló. A este problema técnico houbo que sumar outras complicacións que, finalmente, motivaron que o equipo decidise renunciar a participar na pista alemá de Hockenheimring. “Foi un momento duro” pero son conscientes que salvo ese problema técnico, que lles impediu pasar o scrutineering -a inspección técnica e de seguridade do coche que realiza un grupo de especialistas-, foron quen de fabricar, e así llo fixeron saber os xuíces da proba, “un bólido que é competitivo”, o que lles dá “a forza e motivación necesarias para seguir mellorando”, tal e como explican desde UVigo Motorsport, o único equipo de Formula Student de Galicia. Na súa mente está xa a nova tempada e, pensando nela, acaban de abrir o prazo para a ampliación dos seus integrantes: buscan mozas e mozos dispostos a meterse de cheo na construción do que será o UM22.