Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

DUVI | Mañá mércores 4 de novembro celébrase en Galicia o Día da Ciencia en Galego e, como cada ano, a Universidade de Vigo súmase a esta celebración con diferentes actividades ao longo de todo o mes coas que reivindicar o uso da lingua no ámbito científico. A cita chega este ano coa estrea de Seducindo con ciencias, dinámica de citas rápidas divulgativas que convidan a namorar do galego; o lanzamento da 2ª edición do concurso de monólogos Gargallada científica e a publicación dunha nova escolma de termos, dedicada, nesta ocasión, ás matemáticas, á astronomía e á botánica.