Para conmemorar o Día Mundial da Creatividade e da Innovación, o 21 de abril, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo presentou unha serie de actividades nos campus de Vigo e Ourense. Estas accións estiveron enfocadas a divulgar metodoloxías e recursos que poidan ser aplicados ante os novos retos sociais e educativos que caracterizan as sociedades modernas.

Estas actividades están englobadas dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta, iniciativa que conta co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Obradoiro práctico para impulsar a creatividade nas aulas

O mércores 23 de abril, no edificio Redeiras levouse a cabo o obradoiro gratuíto “Pensamento creativo: obradoiro práctico para impulsar a creatividade na aula”, dirixido a profesorado de Educación Primaria e Secundaria. A formación, á que asistiron 30 persoas, correu a cargo da directora da Área de Imaxe da UVigo, Juli Molares Cardoso, profesora na Facultade de Comunicación, onde coordina o mestrado en Dirección de Arte Publicitaria.

Durante a xornada práctica, realizouse un percorrido arredor da creatividade como ferramenta educativa. Os asistentes puideron explorar novas técnicas de pensamento creativo mediante exercicios verbais, conceptuais e visuais que estimulan a asociación de ideas, o cambio de perspectiva e a resolución de problemas de maneira innovadora.

Taller para persoas migrantes en colaboración coa Cruz Vermella

O segundo taller, “Design Thinking Extremo”, foi impartido por Joseba Delgado-Parada e contou coa participación de persoas migrantes apoiadas pola Cruz Vermella dentro do Proxecto de Integración de Inmigrantes, financiado pola Xunta de Galicia a través de fondos IRPF. Esta formación tivo como obxectivo fortalecer a capacidade das persoas asistentes para enfrontar retos persoais e sociais, aplicando a metodoloxía Design Thinking, baseada en fases como empatizar, definir, idear e prototipar. A proposta incorporou recursos como vídeos animados, ferramentas visuais, brainstorming e técnicas como os Seis Sombreros para Pensar de De Bono, inspirándose na guía de iniciación de Fernández Iglesias et al. (2020) e no repositorio Thinklusion.

Toda a información e imaxes das dúas xornadas nesta ligazón.

Historias persoais nunha serie de cinco pódcast

“Historias compartidas” é o nome do pódcast que recolle as historias persoais de sete das persoas participantes no obradoiro de Design Thinking. Os protagonistas relataron en primeira persoa os desafíos, fortalezas e aprendizaxes dos seus procesos migratorios. Esta iniciativa quere dar visibilidade ás experiencias das persoas migrantes e fomentar a comprensión, o diálogo e a empatía na sociedade.

Escoita agora as súas historias:

Escucha “Historias compartidas 0 | Natividad” en Spreaker.

Escucha “Historias compartidas I | Jorge” en Spreaker.

Escucha “Historias compartidas II | Genry” en Spreaker.

Escucha “Historias compartidas III | Milagros” en Spreaker.

Escucha “Historias compartidas IV | Eva” en Spreaker.

Escucha “Historias compartidas V | John” en Spreaker.

Escucha “Historias compartidas VI | Neylis” en Spreaker.