O vindeiro 27 de marzo, o campus de Vigo volverá ser o escenario do bioblitz, unha competición na que as persoas participantes deberán localizar, fotografar e identificar o maior número de especies posible nun tempo determinado. Trátase da actividade estrela da programación do Día Mundial da Vida Silvestre, unha data na que se celebra a beleza e variedade da flora e a fauna salvaxe.

Inserida dentro do programa Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica, que se desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a actividade estará aberta a toda a cidadanía, incluido o estudantado da UVigo, que deste xeito poderá coñecer e familiarizarse co ecosistema do campus.

Divididos en grupos de ata cinco persoas ou de xeito individual, e guiados por colaboradores de MycoGalicia Plantae, as persoas participantes “terán que localizar, fotografar e identificar tantas especies como sexa posible no tempo de exploración, que será arredor de dúas horas”.

As persoas interesadas en participar deberán reservar as súas entradas. Esta actividade ten un número limitado de prazas, polo que é importante que aquelas persoas que desexen apuntarse o fagan o antes posible.

O punto de encontro para o bioblitz será a praza Miralles. Antes da saída, recibirán unha explicación sobre as técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas. A continuación, realizarase a exploración e as imaxes serán identificadas pola aplicación, marcando a autoría, para a súa posterior verificación por parte dos guías. Tras o reconto de especies, terá lugar a entrega de premios para aqueles grupos que logren un maior número de observacións cualificadas.

O obxectivo final desta actividade é achegar as persoas ao medio ambiente e á biodiversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor.

Dende a organización aconsellan que as e os participantes leven roupa cómoda e calzado axeitado, ademais de impermeable no caso de choiva. Aínda que non é obrigatorio, tamén recomendan que as persoas que dispoñan de prismáticos, aparellos de medición e guías de campo os leven consigo para facilitar a identificación das especies. Por outra banda, e dado que a toma de mostras se realizará cunha aplicación móbil, polo menos un dos membros do equipo terá que dispor dun teléfono con conexión a internet, para poder usar a app iNaturalist con antelación para familiarizarse co seu uso antes do evento.

Ademais do Bioblitz, este ano no marco da celebración do Día Mundial da Vida Silvestre tamén están previstos varios obradoiros sobre a diversidade do solo para alumnado de centros escolares e dous roteiros científicos interxeracionais en Ourense e Pontevedra.

Na primeira das actividades, os investigadores do grupo GEA Celestino Quintela Sabarís e María Gómez Brandón, especialistas en ecoloxía do solo, ensinaranlle á rapazada a diferenciar os microorganismos que habitan o chan. De maneira interactiva e manipulativa, aprenderán sobre a importancia da biodiversidade para garantir a saúde e fertilidade do chan.

Pola súa banda, Silvia Romeo Río, investigadora do Grupo de BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) impartirá obradoiros sobre a mesma temática en centros da contorna ourensá.

En canto aos roteiros, servirán para a exploración dos ecosistemas naturais dos ríos Miño e Lonia en Ourense, e do río Gafos en Pontevedra, aproveitando os seus paseos fluviais. Nestas andainas, que terán lugar os días 20 de marzo en Ourense e o 18 en Pontevedra, participará a Oficina de Medio Ambiente, o alumnado do grao de Ciencias Ambientais, e o estudantado do Programa Universitario de Maiores de ambas cidades.