A UCC convoca a cuarta edición do concurso de vídeos Youtubers científicos. Esta iniciativa forma parte do plan anual de actividades «Ciencia de Ida e Volta», que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A través dun vídeo curto en formato divulgativo, as persoas participantes deberán dar visibilidade ao seu traballo ou a outro contido de interese científico ou tecnolóxico que consideren relevante para a sociedade.

Como novidade nesta edición, á existente categoría de participación para persoal investigador, engádese unha nova modalidade para alumnado da ESO e Bacharelato.

Formación previa con Ricardo Moure e Iago Gordillo

Para poder capacitarse e realizar o vídeo perfecto, o persoal investigador da Universidade de Vigo poderá participar nunha formación previa os días 10 e 13 de decembro. Na xornada do día 10, Iago Gordillo, creador de Recuncho Gamer, abordará os aspectos técnicos relacionados coa gravación, edición e publicación dos vídeos. Na segunda xornada, Ricardo Moure, divulgador científico, guionista e showman, levará a cabo unha masterclass sobre contidos divulgativos para redes. As prazas para esta formación son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición. Podes reservar a túa a través desta ligazón.

Neste obradoiro os participantes poderán coñecer as ferramentas, materiais, procesos e consellos para facer vídeos divulgativos accesibles e rigurosos para publicar en redes sociais como YouTube ou TikTok.

IV concurso de vídeos “Youtubers científicos”

Nesta cuarta edición haberá dúas categorías de participación. Na categoría para persoal investigador, poderán presentarse vídeos divulgativos cunha duración máxima de dous minutos que cumpran os requisitos establecidos nas bases de participación.

Como novidade, tamén pode participar o alumnado de ESO e bacharelato, nunha nova categoría de vídeos dun minuto que respondan a seguinte cuestión:
Por que a ciencia é relevante para a sociedade?

O prazo de recepción das propostas ábrese o vindeiro 13 de decembro e estará aberto ata o 13 de xaneiro de 2025. Posteriormente, os vídeos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, para a súa difusión e valoración por parte do público. Os vídeos de cada categoría que teñan máis likes partirán de 10 puntos na valoración por parte do xurado.

Os vídeos premiados serán seleccionados por un xurado formado por un mínimo de tres persoas expertas en comunicación. Haberá un premio por categoría e ambos consistirán en cadanseu kit de produtos de iniciación para vlogging. A decisión do xurado, que se anunciará o 24 de xaneiro, atenderá a criterios relacionados co contido, a creatividade e a calidade técnica das pezas audiovisuais. 

As propostas deben enviarse a ucc@uvigo.gal indicando no asunto: Participación no concurso de vídeos Youtubers científicos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto.