Volven as celebracións á Universidade de Vigo para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o 11 de febreiro. Na extensa programación, que comeza o vindeiro venres 2 de febreiro cunha charla interxeracional, colaboraron investigadoras e docentes da institución, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade. Esta iniciativa conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
O obxectivo principal é darlle visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas, ademais de fomentar as vocacións entre as novas xeracións e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.
Bótalle un ollo a todo o programa!
Charla interxeracional
Na tarde do venres 2 de febreiro terá lugar en Vigo unha charla interxeracional na que catro investigadoras da Universidade de Vigo compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia.
Este evento comezará ás 18.00 h no segundo andar do edificio Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, e será de acceso libre ata completar a capacidade. O relatorio tamén poderá seguirse en directo a través deste enlace e contará con interpretación en lingua de signos.
Moderará Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e contará coa intervención das seguintes investigadoras:
- Nair Varela, investigadora en evolución do cancro do CINBIO.
- Sara Albán, recente doutora en Filoloxía Inglesa.
- Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.
- Inés Celia Iglesias, catedrática de Dereito Procesual da UVigo.
Elas Fan CienTec
A oitava edición deste programa de obradoiros para rapazas de secundaria realizarase o 8 de febreiro, con catro centros educativos da provincia de Pontevedra. O programa, levado a cabo por docentes e investigadoras da Universidade, conta co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.
Durante a mañá do xoves 8, arredor de 250 rapazas participarán nos obradoiros organizados polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), a Escola de Enxeñaría Industrial, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI).
eXXperimenta en Feminino
O campus de Ourense acollerá un ano máis a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VIII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A cita, aberta a alumnado de toda a provincia e ao público xeral, celebrarase o día 16 de febreiro entre as 10.00 e as 18.00 h no edificio Politécnico e arredores. Os participantes poderán achegarse a 14 postos diferentes para facer interesantes experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense. Máis información.
VIII Concurso escolar de creación artística
A Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense convocan tamén o VIII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Iniciativa aberta ao alumnado de terceiro a sexto de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos ourensáns.
Charlas en centros educativos de toda Galicia
Ao longo do mes de febreiro, ao redor de sesenta investigadoras da Universidade de Vigo ofreceranlles a centros educativos de toda a comunidade máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.
Terceira edición dos Premios GirlGeekPower
A Unidade de Igualdade, a través da Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo, recoñece alumnas destacadas do ámbito das STEM dos campus de Pontevedra e Vigo, como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas. Estes premios, que teñen recoñecemento académico e dotación económica, entregaranse na sede da deputación en Vigo. Outorgaranse catro recoñecementos: un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (Ciencias e Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura).
Entrega dos premios Marie Tharp do CIM
Tamén co gallo de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) volve celebrar a entrega dos premios da segunda edición do concurso Marie Tharp.
Estes premios están dirixidos a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. O acto terá lugar o 8 de febreiro ás 13.00 h no novo salón de graos da Facultade de Ciencias do Mar e proxectaranse os vídeos das investigadoras.
Charla para mulleres do proxecto “Non hai fronteiras”
Verónica Salgueiriño, líder do Grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, visita as mulleres do proxecto “Non hai fronteiras”, promovido polo Plan Comunitario do barrio de Teis de Vigo, para falarlles do seu traballo como investigadora no ámbito dos nanomateriais magnéticos para aplicacións biorrelacionadas. Antes do encontro, as mulleres do Plan Comunitario de Teis terán a oportunidade de coñecer a súa historia a través do libro ilustrado Quero ser investigadora 3 da UCC+i da Universidade de Vigo. A actividade levarase a cabo o luns 5 de febreiro ás 17.00 h.
Cámara aberta CINTECX ás mulleres STEM
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da UVigo invita investigadoras e estudantes do ámbito STEM a contar a súa experiencia nunha “cámara aberta”. Un espazo no que poderán falar e contar á cámara as súas vivencias, tanto da etapa escolar coma das experiencias da súa carreira científica-tecnolóxica. O contido achegado polas participantes difundidas en formato vídeo co obxectivo de que poidan contribuír a fomentar as vocacións científicas femininas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. O evento levarase a cabo do 14 ao 16 de febreiro de 9.00 a 15.00 h no propio centro. Máis información.
Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico
Nesta segunda xornada do ciclo “Conectando en igualdade”, centrado na intelixencia artificial (IA), o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, contará coa participación de varias mulleres expertas en IA que tratarán cuestións relacionadas coa igualdade neste ámbito. Esta actividade conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
A sesión será presencial o xoves 22 de febreiro, de 11.00 a 13.30 h, na sala 1 do edificio Miralles do campus universitario, e poderá seguirse tamén en directo a través de UVigo-TV.
Máis información aquí.