Un ano máis a Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de igualdade da universidade de Vigo colaboran con investigadoras e docentes para conmemorar con diversas actividades o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.
O obxectivo é darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear referentes femininos na ciencia e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.
CHARLAS DA INICIATIVA 11 DE FEBREIRO
Ao longo da primeira quincena do mes de febreiro, ao redor de 34 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo ofrecerán a 36 centros educativos de toda Galicia un total de 73 charlas e obradoiros presenciais e viruais. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.
CHARLA INTERXENERACIONAL
Na tarde do xoves 9 de febreiro terá lugar en Vigo unha charla interxeracional na que catro investigadoras da Universidade de Vigo compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia.
Este evento dará comezo ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, e será de acceso libre ata completar a capacidade.
ENTREGA DOS PREMIOS “MARIE THARP” DO CIM-UVIGO
Co gallo de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) celebrará a entrega dos premios do concurso “Marie Tharp”, dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración.
O acto celebrarase o venres 10 de febreiro ás 13 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias do Mar e proxectaranse os vídeos das investigadoras.
TERCEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS GIRLGEEKCOVID
A Unidade de Igualdade, a través da Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo, recoñece a alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas.
Os premios, con dotación económica, entregaranse o xoves 9 de febrero nun acto na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ás 12.00 h, coa presencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger.
ELAS FAN CIENTEC
A sétima edición deste programa de obradoiros para rapazas de secundaria realizarase a mañá do 10 de febreiro con cinco centros educativos da provincia de Pontevedra. Este proxecto está organizado por docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.
Durante a mañá do venres cinco centros educativos da cidade de Vigo e a sua contorna participarán nos obradoras organizados polo Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), a Escola de Enxeñaría Industrial, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Este proxecto está destinado ao alumnado da provincia de Ourense e público en xeral. Os obradoiros terán lugar o 10 de febreiro de 11.00-18.00 h na praza do Bispo Cesáreo (Ourense).
Máis información aquí.