DUVI | Despois de varios meses de traballo previo, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía está a comezar esta semana o envío das Caixas Sostibles a arredor de 40 institutos de toda Galicia. Dentro de cada unha das caixas hai material didáctico e experiencial para levar a cabo cinco experimentos que xiran arredor da sostibilidade e o medio ambiente. Trátase de que as e os estudantes dos centros que se adheriron a esta proposta realicen estes experimentos, titorizados polos seus profesores, ao longo de cinco meses.