DUVI | Do impacto da intelixencia artificial nos labores creativos ao proceso de invención dunha lingua, pasando polo deseño de carteis para cine, a creatividade na moda ou as conexións entre arqueoloxía e videoxogos. Un conxunto de temáticas conectadas coas principais liñas do proxecto de especialización Campus Crea centran a Semana da Creatividade 2024, que se desenvolverá en Pontevedra entre o 22 e o 26 de abril. Preto de 15 actividades, entre as que figuran xornadas, coloquios, obradoiros, exposicións, concursos ou actuacións, integran un programa deseñado polo Comité de Dirección do Campus Crea e promovido co apoio da Deputación de Pontevedra e do Consello Social da Universidade de Vigo.