A feira ‘A ciencia que vén’ celebrarase por primeira vez en Pontevedra

Participantes na edición de 2023, celebrada en Vigo

DUVI | Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o venres 31 de maio. Nesta xornada, a praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos. O evento desenvolverase entre 16.30 e as 19.30 horas e comprenderá tamén dúas presentacións de libros divulgativos e un coloquio sobre a alimentación do futuro, así como un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática, que terá lugar no Museo de Pontevedra.