FutureMARES demostra a efectividade das solucións baseadas na natureza para garantir a sustentabilidade dos ecosistemas e sociedades do mar

DUVI | Tras catro anos de traballo, o proxecto europeo FutureMARES acaba de rematar e faino demostrando a efectividade das solucións baseadas na natureza (SBN) para mitigar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños. Estas solucións reúnen enfoques, accións ou procesos que empregan os principios da natureza para dar respostas a distintos problemas relacionados coa xestión territorial e urbana, como por exemplo, a adaptación ao cambio climático, a xestión dos recursos, a seguridade alimentaria, etc. De feito, para o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, nunha sociedade cada vez máis urbana, as SBN son “ferramentas útiles, económicas e con valor engadido no aforro de custes e xeración de emprego local”, que ademais axudan a crear cidades máis sostibles, resilientes, saudables, habitables e vivas.