DUVI | No universo que conforman o conxunto de enfermidades identificadas como cancros, os sarcomas teñen a característica diferencial de que non afectan a un órgano concreto, senón a músculo, cartilaxe, graxa, óso ou tecido de sostemento. Estes tumores malignos, que son unha variedade pouco común de cancro, inclúen, a súa vez, máis de 70 tipos de sarcoma considerados ultrararos pola súa baixa incidencia, ao afectar a unha persoa de cada millón. “Uns datos de frecuencia que fan que sexan patoloxías moi pouco estudadas que necesitan máis atención por parte da investigación e das administracións”, explica María Mayán Santos, investigadora principal de CellCOM, grupo de investigación de CINBIO especializado en comunicación celular en cancro e enfermidades asociadas á idade, que mañá recibirá a primeira bolsa Carolina Cerezo que outorga a Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, Asarga.