Novas perspectivas para investigar as desigualdades, a segregación escolar e as fendas de xénero

DUVI | Desigualdad y oportunidades: el papel de la inseguridad económica, las políticas laborales y la educación é o título do proxecto liderado pola catedrática da UVigo Coral del Río Otero no que tamén participa o catedrático da institución académica viguesa Carlos M. Gradín Lago e investigadores e investigadoras da Universidad de Alcalá, UNED e da London School of Economics and Political Science. Dirixido desde a UVigo e coordinado con outros tres proxectos nacionais, o traballo de Del Río e Gradín e no que tamén participa o doutorando da UVigo Adrián Hernández Martín, aborda varios aspectos dentro da temática das desigualdades e as oportunidades incluíndo, entre outros, a desigualdade de ingresos, a pobreza económica e as diferenzas nos sistemas escolares por nivel socioeconómico. “O noso traballo inclúe tanto enfoques metodolóxicos como empíricos. Entre os primeiros, elaboraremos indicadores cos que avaliar estes fenómenos socioeconómicos, mentres que entre os segundos realizaremos estudos para diferentes países (España, UE, EE.UU, Chile ou Mozambique) e tamén para a poboación total a nivel mundial”, detalla a catedrática e investigadora de Ecobas.