
No marco do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra cada 17 de maio, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación lanza un conxunto de actividades para dotar ao estudantado, ás familias e ao público xeral de ferramentas para detectar e combater a desinformación.
Entre as accións programadas, que forman parte do Plan de Ciencia de Ida e Volta da UCC+i e contan co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, destaca un Obradoiro multidisciplinar sobre desinformación e novas tecnoloxías para alumnado de Secundaria, un taller en liña para familias no que se abordará o uso seguro e consciente das redes sociais na adolescencia e un debate público en Pontevedra, que reunirá expertos en comunicación, intelixencia artificial e saúde mental para analizar os retos da desinformación na sociedade actual.
A través desta acción, queremos contribuír a educar no uso responsable da tecnoloxía, aproveitando as investigacións realizadas no seo da Universidade de Vigo. Contamos co coñecemento e coa colaboración de persoas expertas de distintas áreas, polo que todas as actividades propostas son multidisciplinares e achegan unha visión de conxunto.
Obradoiros nos centros educativos
A primeira das actividades terá lugar no IES Mendiño de Redondela, onde o estudantado explorará distintos aspectos da desinformación e do uso responsable da tecnoloxía a través de estacións de aprendizaxe. O alumnado terá a oportunidade de aprender a crear bos prompts para ferramentas de intelixencia artificial, de experimentar coa detección de fake news nun escape room dixital, de explorar o impacto dos algoritmos nas redes sociais e de poñer a proba os seus coñecementos nun quiz interactivo.
A actividade será impartida por Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, do grupo TC1 – Tecnoloxías da Información; Guillermo Blanco González, do grupo SI4 – Sistemas Informáticos de Nova Xeración; e Talía Rodríguez Martelo e Uxía Seijas, do grupo CP2 – Comunicación Persuasiva, todas e todos eles investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.
Expo itinerante
Ademais, estará presente a furgoneta Paparruchas: en marcha contra a desinformación, un espazo itinerante de divulgación científica que se instalará no patio e ofrecerá información adicional sobre os retos da desinformación e as ferramentas dispoñibles para facerlle fronte. Este vehículo tamén se desprazará a Lalín para formar parte da feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.
Como parte desta actividade, a furgoneta Paparruchas visitará o IES Mendiño de Redondela con 5 investigadoras e investigadores a bordo para levarlle ao alumnado ferramentas clave para evitar a desinformación. Esta xornada de ciencia lúdica nas aulas, desenvolverase do seguinte xeito:
- Estación 1 – Enxeñaría de Prompts e IA: Os participantes aprenderán a formular bos prompts para obter respostas precisas de ferramentas de intelixencia artificial como ChatGPT. É importante sinalar que cada estudante deberá crear unha conta gratuíta na plataforma. Esta actividade require unha sala de ordenadores.
- Estación 2 – Fake News Challenge: Escape Room dixital no que os equipos deberán verificar información, identificar noticias falsas e superar retos baseados en ferramentas reais de comprobación. Tamén precisa acceso a ordenadores.
- Estación 3 – Redes Sociais e Algoritmos: Actividades no pavillón deportivo e/ou patio onde o alumnado experimentará, a través de dinámicas físicas, como funcionan os algoritmos e como afectan á forma en que recibimos información.
- Estación 4 – Desinformación Master: Avaliación final en formato de quiz interactivo onde se premiará o alumnado que destaque nas diferentes áreas traballadas.
Taller en liña aberto a familias
O luns, 26 de maio ás 19.00 h terá lugar a sesión formativa Adolescentes e redes sociais: Que poden facer as familias? estará impartida por Roxana Morduchovicz, recoñecida experta en cultura xuvenil e asesora principal da UNESCO no programa de Cidadanía Dixital. O taller consistirá nun relatorio sobre a importancia das redes sociais para os adolescentes, abordando os riscos asociados ao seu uso e as consecuencias psicolóxicas que poden ter na súa identidade e autoestima. A sesión tamén incluirá orientacións e ferramentas para que as familias poidan acompañar as súas crianzas no uso responsable e reflexivo das plataformas dixitais.
Roxana Morduchovicz é autora de libros como Los adolescentes y las redes sociales e Ruidos en la web. Cómo se informan los adolescentes en la era digital e conta cunha ampla traxectoria como conferencista internacional e asesora de políticas de cidadanía dixital en diversos países. As persoas interesadas poden inscribirse no taller a través da plataforma Eventbrite ata completar aforo.
Debate no Museo de Pontevedra
Finalmente, o 9 de xuño, o Museo de Pontevedra acollerá o debate A desinformación baixo o foco, moderado polo xornalista Xabier Fortes e no que participarán destacados investigadores e investigadoras da UVigo, como José Rúas Araújo, Iván Puentes, Guillermo Blanco González, Silvia García Méndez, Francisco de Arriba Pérez e Iria Veiga Ramos, médica psiquiatra e divulgadora (@rainhavermelha en Instagram).
Este evento estará estruturado en seis bloques temáticos que abordarán desde o funcionamento das fake news ata as ferramentas para combatelas. O debate estará aberto ao público.