As accións formativas reuniron a 30 participantes e deron lugar a un podcast de sete capítulos, Historias compartidas, sobre identidade migrante.
Con motivo do Día Mundial da Creatividade e da Innovación, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da Universidade de Vigo puxo en marcha diversas accións formativas e divulgativas co obxectivo de fomentar o pensamento creativo e o desenvolvemento de competencias para a resolución de problemas, desde unha perspectiva inclusiva e participativa.
A programación incluíu dous obradoiros gratuítos que reuniron en total a 30 persoas. O primeiro deles, titulado “Pensamento creativo: obradoiro práctico para impulsar a creatividade na aula” e impartido por Juli Molares, estivo dirixido a profesorado de educación primaria e secundaria. A actividade, que tivo lugar no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, combinou dinámicas con imaxes, xogos de palabras e pezas de Lego, baseadas no libro Creatividad: 62 ejercicios para desarrollar la mente (Edward De Bono), co fin de ofrecer estratexias aplicables ao contexto educativo.
Obradoiro de pensamento creativo no edificio Redeiras
A profesora Juli Molares nun intre do obradoiro
Exercicio con pezas de Lego
O segundo taller, “Design Thinking Extremo”, foi impartido por Joseba Delgado-Parada e contou coa participación de persoas migrantes apoiadas pola Cruz Vermella dentro do Proxecto de Integración de Inmigrantes, financiado pola Xunta de Galicia a través de fondos IRPF. O obxectivo desta formación foi mellorar a capacidade das persoas participantes para identificar e resolver retos persoais e sociais mediante a metodoloxía Design Thinking, baseada en fases como empatizar, definir, idear e prototipar. A proposta incorporou recursos como vídeos animados, ferramentas visuais, brainstorming e técnicas como os Seis Sombreros para Pensar de De Bono, inspirándose na guía de iniciación de Fernández Iglesias et al. (2020) e no repositorio Thinklusion.
Como parte desta experiencia, gravouse o podcast “Historias compartidas”, no que sete das persoas participantes no obradoiro de Design Thinking relataron en primeira persoa os desafíos, fortalezas e aprendizaxes dos seus procesos migratorios. Trátase dunha iniciativa que busca visibilizar e recoñecer as voces das persoas migrantes, así como promover o diálogo e a empatía social.
No marco do Plan de Ciencia de Ida e Volta, financiado coa colaboración da FECYT – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, estas actividades reflicten o compromiso da UCC+I por achegar a ciencia, a innovación e a cultura á cidadanía, conectando coñecemento e creatividade con realidades sociais concretas.