A IV edición de Ciencia de Ida e Volta mobilizou a preto de 10.000 persoas

DUVI | A IV edición do plan Ciencia de Ida e Volta, programa de accións de divulgación científica desenvolto pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, mobilizou este ano a preto de 10.000 persoas entre alumnado, profesorado, persoal investigador e público xeral que participou nas accións celebradas nos tres campus da UVigo e en distintos puntos da xeografía galega.

“A iniciativa continúa a consolidarse como un referente no ámbito da divulgación científica desde un enfoque participativo, interxeracional e inclusivo”, explican desde a UCCi+i, facendo fincapé na consolidación do plan como “referente na promoción da cultura científica en lingua galega”.