Cultura científica desde a casa

Eu quedo na casa

Estamos en tempos de confinamento, de responsabilidade individual e colectiva, nos que quedarse na casa é unha necesidade ademais dunha obriga, e nos que todas e todos perseguimos un mesmo obxectivo: frear o avance do coronavirus (Covid-19) e evitar a saturación do noso prezado sistema sanitario.

Para que poidamos levar mellor estes días, desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, fixemos unha recompilación de recursos audiovisuais de divulgación científica elaborados por diferentes membros da comunidade universitaria, para que isto de ficar na casa non sexa unha barreira que nos impida seguir alimentando a nosa curiosidade ou ampliar o noso coñecemento.

Baixo o lema #cienciaUVigonacasa, animamos a consumir e a compartir estes contidos divulgativos, a non renderse e a facer deste momento unha oportunidade para crecer, en todos os sentidos.

Dálle ao play!

Pequenas pezas audiovisuais que achegan á sociedade o labor dos grupos de investigación da Universidade de Vigo para que o público en xeral coñeza as actividades que estes realizan e o impacto do seu traballo en diferentes aspectos do seu día a día.

Breves vídeos de divulgación científica nos que o persoal investigador da Universidade de Vigo fala sobre diversas cuestións como a biodiversidade ou a astrofísica.

  • Ciclo «Conversas sobre o Cambio Climático»

Conxunto de charlas organizadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo co obxectivo de analizar, con carácter divulgativo e desde un punto de vista científico, as causas, efectos e implicacións do quentamento global e do cambio climático. Unha iniciativa promovida pola vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais en colaboración coas vicerreitorías de Investigación e de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación.

Charla-coloquio organizada pola UCC+i na que nos achegamos á loita contra o lume desde o espazo e á xestión forestal, da man dos investigadores  da Universidade de Vigo Fernando Aguado e Juan Picos, moderados pola xornalista de Faro de Vigo Sandra Penelas.

  • La Universidad Responde

Microespazo televisivo de divulgación científica, emitido dentro do programa “La aventura del saber” de La2 de TVE, que nace da coprodución universitaria. En “La Universidad Responde” toma a palabra o persoal investigador de diferentes universidades españolas, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, para dar resposta a unha pregunta sobre un tema de interese xeral.

Canle de vídeos divulgativos co obxectivo de levar a ciencia, particularmente a ecoloxía e a evolución, a todos os ámbitos da sociedade. Para isto, Divulgare conta coa axuda das novas tecnoloxías, tratando de crear formas atractivas de compartir os resultados das últimas investigacións sen renunciar ao rigor científico.

Conxunto de charlas sobre divulgación e fomento das vocacións científicas.

Ciclo de conferencias abertas sobre diversos temas de investigación mariña realizada na Universidade de Vigo e no resto de centros de investigación da nosa área.