DUVI | Hai máis dunha década que a Vespa velutina chegou accidentalmente a Europa procedente do sudeste asiático. A súa expansión foi rápida e efectiva en países como Francia, España e Portugal, os máis afectados por esta especie invasora no continente. Actualmente pódese atopar en case todas as rexións da área atlántica e representa unha ameaza para a biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores. Precisamente neste último aspecto céntrase o estudo The invasive hornet Vespa velutina affects pollination of a wild plant through changes in abundance and behaviour of floral visitors, asinado polas investigadoras Sandra Rojas e María Calviño, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, que acaba de ser publicado pola revista científica de alto impacto Biological Invasions.
Este estudo desenvolveuse no marco do Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela para o Estudo do Comportamento, Hábitat e Impacto nos Ecosistemas de Vespa velutina para a Mellora dos Métodos de Control Existentes. Os obxectivos desta investigación pasaban por estudar o impacto da Vespa velutina como predador de abellas e outros insectos polinizadores e o seu consecuente efecto sobre a polinización das plantas. A investigación conclúe que a invasora Vespa velutina ten un impacto negativo sobre os servizos de polinización en áreas invadidas como consecuencia da caza de polinizadores nas flores.